Así, máis ou menos, o ve a CRTVG, medio público que ten pendurada na súa páxina web unha información sobre as probas, que comezaron onte, da antes chamada selectividade e agora ABAU. Láianse de que a pobre mocidade, por eses azares do destino que os fixeron nacer en Galicia, teñan que verse na leria de examinarse tamén de galego, unha asignatura que obviamente en Andalucía ou Extremadura non se da. Por enriba, é das máis difíciles, coma tamén se laiaba Marta Rivera de la Cruz, deputada de Ciudadanos, prometendo de paso que, cando gobernase o seu partido, habería unha proba única para todo o Estado, pasando de línguas periféricas e identidades culturais propias. Todos uniformemente españois e punto. Coma dios manda.

Xustamente estes días e no Parlamento galego, o PP vén de rexeitar unha demanda do BNG para que a língua galega fose vehicular no Ensino, toda vez que as enquisas determinan a desaparición da mesma na escola paulatinamente. Na escolarización infantil nin está, nin se agarda por ela. Inexistente. No tramo de Primaria e Secundaria, exenta no eido científico porque, evidentemente, esas asignaturas serias non poden darse máis que en rexio castelán ou cosmopolita inglés. Na universidade, residualmente e iso xa sendo optimistas. Pero para Feijoo e para a Xunta iso non son máis que teimas de radicais, que se poideran xa tiñan feito desaparecer o castelán ata do Quixote. Por suposto, voto en contra. O galego non corre perigo ningún, aínda que non se fale nas cidades nin case en ningures, convertido nalgo exótico e propio de excéntricos. Porque de todos e todas é sabido que o realmente útil e proveitoso é calquera língua menos esa que falaban os teus avós e que os levou polo mundo sen que nunca a esqueceran nin a fixeran de menos. Cousas de vellos. Estaba ben para eles que a escoitaban e falaban sen necesidade de estudala, non como agora, que é un incordio. Porque xa que é unha obriga ter que dala, polo menos que fose unha «maría» coma Relixión, ese descanso que se toman os rapaces entre clase e clase.
Que aprezo pode ter a cidadanía por unha língua que esmorece coa connivencia e colaboración estatal, se aínda por enriba o estandarte público dos medios de comunicación dalle consideración de incordio, de atranco e de motivo de «desigualdade» cara outros estudantes doutras comunidades españolas. Porque todas as outras asignaturas non son motivo de debate ningún, por dificultosas ou por pouco que se vaian empregar unha vez fóra da escola. Non, que hai que saber de todo. Menos galego, que é ese idioma orixinario de Galicia é que algúns queren, non xa que se fale -que tamén- pero alomenos que sexa coñecido polos galegos e galegas na súa etapa escolar, porque por desgraza, haberá quen non teña ocasión de escoitalo e aprendelo noutro lugar. Somos así de cosmopaletos. Quizais o único país que renega de coñecer a súa propia língua porque nos parece que non está á altura dos nosos fillos ou as nosas aspiracións sociais. Que nos acomplexa falala e presumir dela. Iso xa só queda para algún tolo por incordiar.