Non queda ninguén en Galicia arestora que non coñeza o terríbel accidente do mércores pola noite na AP-9, con tres vítimas mortais en plena xuventude, pletóricos de vida e proxectos antes da fatídica viaxe que racharía con ilusións e esperanzas, tinguindo de negro familias e viciños, compañeiros de instituto para os que nada voltará a ser o mesmo, demasiado novos para ver tan de preto a peor cara da vida: a que consiste en perdela en apenas uns segundos.

Sara, Sofía e Bieito tiñan dezasete anos e estaban pendentes da súa graduación este vindeiro sábado. Mentres, apuraban os días entre clases e darlle a benvida ao verán, ao bo tempo que convidaba a saír e alongar o día. O plan era achegarse a Vigo dende a súa Redondela natal para desfrutar da final da Europa League, pois a meirande parte deles non só eran afeccionados, senón que tamén formaron filas no seu momento no equipo do Choco. E Sofía, ademais, era unha destacada xogadora de fútbol sala no Cidade de Pontevedra, co que aínda tiña pendente un partido antes de dar por rematada a competición. Todos aparecen felices nas fotos das súas redes sociais, con sorrisos de orella a orella, derrochando paixón de vivir, a avidez propia dese paso da mocidade á madurez bailándolles nos ollos. Aínda nenos e nenas, pero xa a piques de independizarse, de marchar estudar ás capitais onde vivirían por primeira vez sen o acubillo familiar. Libres para comezar a ser maiores. Pero ese guión quedou interrompido para Sara, Sofía e Bieito sen aviso previo. Sen que ninguén sospeitara que ese curto traxecto ía converterse en eterno. Sen piedade ningunha para os que os sobreviven e terán que malvivir sen el e sen elas. Un asfalto ardente derreteu a súa xuventude incrustándoa contra o alicerce dun viaduto, sen compaixón e sen nada nin ninguén que poidese poñelos a salvo. Detida para sempre a súa viaxe.
Nun mes de maio especialmente tráxico no noso país, con once vítimas mortais nas estradas nas que oito eran menores de trinta anos. Mozos e mozas que respiraban vida antes de subirse nese coche ou nesa moto que os levaría por un camiño sen retorno, estragadas para sempre expectativas e emocións sen desfrutar. Sara, Sofía e Bieito crávanse coma un ferro no corazón de todos nós, cúbrenos de dor a súa ausencia incluso para quen nos os coñeciamos, porque é imposible non recoñecerse neles. Non recoñecer aos nosos fillos e fillas, que tamén comezan a vivir e a desfrutar da liberdade. Que nos fan poñernos no lugar dos seus pais, nais e familiares só de pensamento, e aínda así resulta insoportábel. Sara, Sofía e Bieito non voltarán a entrar pola porta das súas casas, todo suspendido para sempre coma o coche no que ían antes de estrelarse e esmagar os seus indefensos corpos. Queda vivir sen el e sen elas…e iso, sen dúbida, será outra forma de morte.