Por Xosé Edrosa Leal

 Anúncianse tempos revoltos no PPG, xa comezan a aparecer ventos furacanados procedentes da cidade das burgas e as termas ferven a callón.

Sempre se lle recoñeceu como mérito a don Manuel Fraga o ter incorporado nas filas do seu partido aos restos do franquismo, facéndoos invisibles na súa acción política. Mais, estar estaban alí o señor Abascal, din que instalado coma un príncipe nun dos chiringuitos feito á medida das súas necesidades por aquela expresidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, de feliz lembranza, a que tantos bos oficios leva feito polo ben da patria e dos seus amigos e colaboradores enriquecidos.

Foi precisamente na última campaña electoral do PP ás eleccións xerais do 28 de abril, liderada polo seu presidente e candidato “ in pectore “, señor Casado, cando sen ningún complexo se recrearon e visualizaron  as mellores esencias do nacionalcatolicismo, máis propias doutrora cá dunha dereita moderna homologable; todo por pretender adiantar pola dereita ao seu competidor máis extremo que os viña alcumando de “ blanditos y derechita cobarde”, unha manobra que agoiraba un evidente perigo, e así sucedeu, esnafrou. Agora, o mesmo protagonista, defende con igual ímpetu que o PP é o centro dereita, ou sexa, a dereita centrada e equilibrada; outra manobra de vértigo. Mentres, paradoxicamente, Ciudadanos que comparte espazo, discurso e fundamentos do mesmo teor, está a recoller os froitos das leiras aradas e traballadas con esmero durante moitos anos polos da gaivota.

Ante este panorama desolador, a o señor Baltar no seu feudo de Ourense férvenlle os miolos, e decide mandarlle un torpedo dirixido á mesma liña de flotación  do seu partido, anunciando solemnemente o acordo da Deputación Provincial que preside, de instituir dende este ente o 17 de agosto como DÍA DA GALIZA MÁRTIR, en sufraxio ao fusilamento dun dos símbolos máis senlleiros e representativos do galeguismo, Alexandre Bóveda. Unha maneira de marcar e acoutar o seu territorio.

No eido dos recoñecementos, cómpre lembrar outro feito recente protagonizado polo mesmo autor, o que co gallo do traslado das cinzas do galeguista sobranceiro, gran mecenas da causa galeguista e albacea de Castelao, Rodolfo Prada Chamochin de Bos Aires á súa terra Ourensá, se lle rinde unha gran homenaxe. Este coa anuencia e participación do presidente Feijóo.

Cónstame que este tipo de xestos, ademais do respecto que nos merecen, son motivo de grande satisfacción, alomenos para aqueles galeguistas que están instalados no eido das ofrendas e de honrar aos mortos. Unha actitude moi cristiá; mais non deberían esquecerse tamén de honralos na súa loita polos ideais e pola Galiza pola que tantos galeguistas hipotecaron a súa liberdade e deron a súa propia vida.

Estes feitos caeron coma un xarro de auga fría na caluga dos dirixentes do PP e aí comeza o runrún: que o de Ourense vai por libre, que vai rachar co PP, que vai crear un partido de corte galeguista, e tumba e revira.

De calquera xeito e sen darlle máis importancia do que en realidade tén, nada disto debería estrañarlles aos da gaivota (esa que xa non outea nestas eleccións por moitos lugares de España), pois ao  fin e ao cabo, o PPG tense postulado como galeguista nos seus congresos, e para algo leva a “g” de Galiza. Cónstame que existe un sector, polo de agora minoritario, que así o entende. En cambio outros, pensan que iso está ben, pero só para días soleados e de festa, reducido ao engalano dos mellores atuendos para a ocasión e aí morra o conto.

Outros máis sexudos pensan que este tipo de manifestacións pode tratarse dun símple andacio estacional, localizado polo de agora só no sul da Galiza do interior, motivado posiblemente  por algunha reminiscencia do tardofraguismo, pois non debemos esquecer que a dual persoalidade do de Vilalba aínda pode provocar reaccións deste tipo.

Fraga era sabedor de que Galiza era diferente, que non valían as receitas feitas dende Madrid, por iso cando emerxe nesta fisterra nas eleccións autonómicas de outubro de 1981, aposta por un home ante todo bondadoso, por un sanador de corpos, o doutor don Xerardo Fernández Albor; un conservador de ideoloxía galeguista, unha especie de alma en pena na deriva dese galeguismo irredento que segue as teorías do piñeirismo. Fraga elixe para aquela campaña o famoso lema “ galego cama ti “. Naquela campaña, don Manuel amosa a súa rexa estirpe, deixando constancia de que el procede das vellas fragas de Galicia. Refírese a esas fragas  imperecedeiras, símbolo da beleza e fortaleza deste país. Malia a ser elexido presidente o seu candidato, o experimento non lle funcionou, a parálise na acción de gobernó era evidente, e houbo sublevación a bordo, e pasou o que pasou, tal como resumiu don Manuel Iglesias Corral.

Aquel foi o preludio de don Manuel Fraga e do fraguismo en Galiza, adaptándose perfectamente á idiosincrasia da nazón de Breogán, deixándose levar polo tirón telúrico que emerxe do fondo desta terra, mergullándose na súa frondosa paisaxe. 

Ademais de os seus adversarios e dos desmandados que se lle opoñían ou amolaban, fixo queimadas e desconxuros en festas e verbenas de todos os recunchos de Galiza, mais elo non impediu que sucumbira ao feitizo sedutor desta terra.  Esixiulles aos seus que falaran galego  alomenos en público, cousa que nunca fixeran, pois a nosa lingoa non era motivo de distinción. Contou unha das súas máis fieis  colaboradoras en Galiza que, no primeiro acto electoral que compartiu con don Manuel, despois da súa intervención achegouse a el para preguntarlle o seu parecer sobre a mesma, despachándoa moi ao seu xeito con unha lacónica resposta (non lembro a literalidade exacta de mesma, pero foi máis ou menos a que expreso), “ bien señora…, pero en gallego”. Ante aquela advertencia imperativa, a señora en cuestión, que xa viña curtida do mundo do maxisterio, pisando corredoiras e trollos coma  ninguén, seguramente dixo para os seus adentros “ nista non me volves a coller “. Falou galego e medrou á sombra de don Manuel coma unha col na horta.

Mais a singular historia de don Manuel en Galiza non remata aí, pois as súas ideas e propostas sorprendían a propios e alleos, achegándose incluso ao sublime: no lugar a autodeterminación, teoría a que os nacionalistas galegos e doutros lugares tantas voltas e reviravoltas lle levan dado, don Manuel resolve o asunto de súpetu, introducindo no seu lugar a autoidentificación de Galiza como pobo, un termo ao seu parecer  moito máis acaído ao noso ser; aínda que non chegou a desenvolvelo como tal. Agora as galegas e os galegos identificámonos cada un como pode e sabe.

Tamén nos falou dunha administración única, adiantando neste caso aos nacionalistas pola esquerda. Esta proposta tampouco tivo maior virtualidade, pois seguemos cunha Administración tan duplicada e farragosa coma sempre, incluso con chiringuitos complementarios que a fan cada vez máis complexa, cara, pouco transparente e de difícil acceso.

Otra proposta foi a de converter ao Senado nunha auténtica cámara de representación territorial. Ou sexa, cavilo eu, que representara a realidade plurinacional do Estado. E velaí o temos, coma un centro de repouso para políticos que xa non son útiles e que hai que afastalos do medio.

Moitas destas propostas, seguramente as tén comentado con Beiras compartindo mesa e mantel no Vilas. Pois aínda que semellaban a auga e o aceite, seguro que tiñan moito máis en común do que eles mesmos pensaban.

Sempre se tén dito que  o de Vilalba levaba o Estado enteiro nos seus miolos. Malia a tal recoñecemento, moitas das súas propostas non chegaron a ter ningunha virtualidade, pois aquel “ goberno amigo” do que el fachendeaba, presidido por aquel malencarado de cello fruncido, dáballes carpetazo baixo o epígrafe “ Cosas de don Manuel “. Aquel presidente que aínda sae botando broncas a dereito e sinistro xunto co señor Casado, o seu discípulo preferido, tiña cousas máis importantes cós  asuntos de don Manuel e de Galiza, pois andáballe dando voltas en poñer a España no mapa dos grandes feitos, e vaia se a puxo, meténdonos na guerra contra os iraquís, que ningún mal nos tiñan feito. Todo por retratarse co Bush nas Azores. Saíunos caro.

Coalición Galega foi a gran damnificada; aquel partdo galeguista que espertara unha gran ilusión nas galegas e galegos, pois por fin había unha forza política centrada nos intereses da terra

O que si lle funcionou a don Manuel foi a súa teoría da “ maioría natural “ , pois ademais de a moitos agricultores e gandeiros, pasou á xubilación anticipada a números políticos que aínda lles quedaba moita carreira por diante, tanto centristas coma nacionalistas moderados. Coalición Galega foi a gran damnificada; aquel partdo galeguista que espertara unha gran ilusión nas galegas e galegos, pois por fin había unha forza política centrada nos intereses da terra. Mais os enredos e tropezóns na moqueta, fixéronlle esnaquizar prematuramente. Aínda lembro aquel éxodo de alcaldes de reconversión repentina, que pola mañá eran nacionalistas e pola tarde estábanse botando aos brazos daquel que dicía que era galego coma nós. Dicían que o facían polo ben dos seus veciños, mais os que vivimos de preto aquel drama, pensabamos que en realidade era para salvar e protexer o molido das súas cueiras. E vaia se o salvaron que aínda queda algún que non se moveu do sitio.

Ourense foi o epicentro daquela desfeita do nacionalismo centrista, a frustración dun gran proxecto político centrado nos intereses deste país, e o que hoxe está a pasar na cidade das burgas poden ser simplemente xermolos saudosos dun tempo pasado. Estaremos atentos á súa evolución.