Un 25 de abril ás portas dun periodo electoral decisivo, coa ultradereita avanzando implacable e sen pausa, con medios estatais máis que despostos a allanarlles o camiño para devolver España corenta anos atrás, blanqueando fascismos en nome do separatismo, coma se fose máis perigoso pretender un referéndum que perder dereitos tan longa e duramente conquistados, retrocesos sociais, lingüísticos e, sobre todo, no que compete ao feminismo e a loita contra a violencia machista, no punto de mira e que xa en Andalucía propiciou que se pedise identificar a quen traballa para paliar esa violencia, coma se fosen delincuentes e non profesionais que fan un traballo moi necesario e imprescindíbel. É só un aviso, de momento teñen autoridade nunha Comunidade Autónoma, preparémonos para o que estea por vir se conseguen impoñerse nas eleccións xerais deste vindeiro domingo.

Cómpre voltar a facer do voto un acto revolucionario, algo que de verdade mude as cousas, por máis que as leises electorais sempre favorezan ós mesmos, pero hai mareas  que ningunha praia pode afogar, e iso debe ser o 28 de abril: un mar de votos e dignidade, que poñan freo aos escuros e ignorantes. Se algo dubidabamos, os recentes debates entre os candidatos españois á presidencia deixárono todo meridianamente claro: Galiza non existe. Ninguén a nomeou, nin considerou que tivese nada que arranxar. Nin un só dos catro candidatos a tivo en conta, quizais porque a nosa voz en Madrid é o silencio, os dez segundos de Néstor Rego, candidato ao Congreso do BNG, multiplicados ata o infinito. Inabarcables, tanto como a nosa soidade. Un sinxelo «boas noites» do presentador galego dun deses debates levou até o paroxismo a boa parte dos espectadores patrios, reconfortados coa calidez de escoitar por fin unha alusión a nosa terra. Con que pouco nos conformamos. Ese é principalmente un dos nosos males, o de ceder o protagonismo a outros que non somos nós, a deixalo en mans alleas. Despois envexamos transferencias e deferencias cara outras Comunidades coma Catalunya ou Euskadi, e botamos contra elas coma se fosen culpábeis duns males dos que só nós somos responsables. É tempo xa de remedialo, de deixar as escusas atrás, de revolucionarse outra vez para que o 25 de abril non sexa unha data anecdótica que celebrar mentres somos incapaces de ser autónomos, de romper as cadeas das tutelas que nunca van saber coma sabes ti o que máis precisas. Que nin sequera saberán como vives, nin en que língua falas, nin se os teus cativos teñen bus nese eido rural no que vives e do que quitaron a escola. Tampouco se os avós poderán facerse cargo deles mentres pais e nais traballan sen unha gardería preto ou que poidan pagar. Conciliar: dícese de facer as cousas compatibles. Dícese, nada máis.
Se o 25 de abril segue a ser o paradigma da Revolución, temos a oportunidade de facer que o 28 tamén sexa unha data histórica. A da derrota do totalitarismo que vén, dos nostálxicos dun tempo aínda non pechado de todo e que pugnan por reabrir e reorganizar, por rearmar ideolóxicamente a quen xa sen pudor presume e exerce de fascista. Fai a túa revolución indo a votar. Non esquezas que pese a todo e a todos…o pobo segue a ser quen máis ordena.