Nin tres días do recén estreado 2019 e xa hai unha muller asasinada por violencia machista, aínda que a este respecto escoitabamos hoxe mesmo ao señor Pablo Casado, líder único e todopoderoso do PP dicir que non era máis que «violencia doméstica». E a algúns xornais titular que «morrera», que o do asasinato é cousa das películas americanas. Tamén a unha vicesecretaria de Comunicación dese mesmo PP exhibir toda a desfachatez do mundo ao dicir que a violencia machista e o referéndum do 1 de outubro en Catalunya sónche cousas moi equiparables. E dese xeito, banalizando unha lacra que nos derradeiros quince anos custóulle a vida a 975 mulleres, só no ámbito do terreo afectivo, porque aínda non se consideran vítimas do machismo ás que son asasinadas fóra das relacións coas súas  parellas ou ex parellas, chegamos ás propostas de VOX, que condiciona o seu apoio para formar goberno en Andalucía, á que se anulen as axudas despostas para vítimas dese exacerbado machismo que non só non decae, senón que repunta. Non axuda precisamente a nova hoxe tamén de que a Audiencia de Navarra exime aos membros da Manada de entrar na cadea, argumentando que cumpren cos requisitos na rúa de presentarse nos xulgados e non fugarse. Se é que son bos rapaces que tiveron un mal día, fáltalles engadir. Total, só teñen dúas sentenzas a nove anos por abuso sexual. Nin que fosen perigosos delincuentes que gritan «non pasarán» polas rúas e que sí teñen ben merecida a prisión provisional. Esas son as cousas que sí ameazan ó sistema, que unha muller non poida andar libre sen temor, son teimas nada máis.

Fai tempo que non agardamos gran cousa da Xustiza española. Retrógrada, patriarcal, sumisa a un rancio poder decimonónico que segue a pensar que non hai violadores, senón mulleres descocadas. Coma dixo aquel avogado defensor: «que violación ía sufrir esta moza se vén aso xuízo en saia!». Ou mesmo o avogado de varios dos acusados da Manada, sempre con sitio no Prime Time televisivo e nunca con xuristas presentes que poidan rebatir o que teña a ben despotricar. Para que haxa un condeado por violación en España tes que acabar coma Diana Quer ou Laura Luelmo, de cuios acusados polos seus crimes ninguén dubida que as violaran e mataran. De seguir vivas, quizais topasen cun xuíz que lles dixese que a que vén queixarse do xolgorio aquel onde desfrutaba que daba gusto, ou con outro que absolvese ao acusado porque ela, tempo atrás, estudou interpretación e de seguro que aquel resistirse, queixarse e defenderse era puro teatro. Son sentenzas de xuíces deste país que se ten por tan moderno e democrático, que escandaliza á mesma ONU por condeas de tal levidade en delitos contra a liberdade sexual das mulleres. Pero iso non acapara titulares, non da votos coma non facer nada para evitar agresións ou asasinatos, pero despois cando hai un subirse ao carro e aleccionar ás masas sobre as bondades da prisión permanente revisable. O tráfico de vísceras é unha das divisas do político español de ben, do español auténtico que abomina de costumes bárbaras como a de contemplar ás mulleres fóra da cociña.
Veñen tempos aciagos, onde morrer a mans do machismo vai ser algo excepcional porque non se contará así. Será unha peleíña de namorados que acabou mal por culpa dela, que servíu a sopa fría, sen nada diso de violencia de xénero porque, despois de todo…iso que é?. Un invento de feminazis ás que nunca lle botaron un bo polvo nin lle deron unhas hostias para que saiban cal é o seu lugar. Benvidos ao aninovo…e ás vellas violencias.