Coma naquela peculiar película de fai uns anos onde Brad Pitt levaba ao éxito a un equipo dos nomeados «pequenos», deses que contan con recursos económicos moi por debaixo dos rivais e que case nunca saen de favoritos nas listas de apostas, o BNG vén de dar a campanada conseguindo que a transferencia da autoestrada AP-9 estea hoxe un pouco máis preto, unha vez admitida a trámite no Congreso español a iniciativa nacionalista redactada íntegramente polo partido galego. Non é asunto baladí, sobre todo porque os atrancos até chegar a esta  resolución non foron poucos, comezando polo veto do goberno de Mariano Rajoy, que co Madrid desputando Ligas e finais de Champions non estaba para minucias periféricas encabezadas por radicais. De Feijóo non se sabía nin nada se agardaba, aínda que hoxe saque peito atribuíndose o mérito. E por certo que non é o único. O PP tivo que pasar á oposición para que por fin se interesase por esas cousas que soen facer máis doada -e sobre todo máis barata- a vida dos cidadáns de a pé, eses que van en coche aos seus traballos e non teñen chófer, e que pagan as peaxes do seu peto, non do dos recursos públicos que van incluídos no cargo.

O BNG non puido defender a súa iniciativa no Parlamento en Madrid por carecer de representación nesas bancadas. Non deixa de resultar paradóxico que un dos logros máis importantes para a nosa Comunidade veña dun grupo que non obtén votos suficientes para representar aos galegos alén as nosas fronteiras. Leva a pensar o que se podería conseguer con dous, tres ou catro deputados, aínda que é algo que vemos de cotío noutros grupos coma o PNV ou ERC, de País Vasco e Catalunya, sempre decisivos cos seus votos á hora de solicitar contrapartidas ao apoio de políticas estatais. Pero en Galicia iso non se asimila. Somos máis de bipartidismo, de PP e un chisco de PSOE, que históricamente nada fixeron nin farán polo país máis que o estritamente necesario. O que se di cubrir expedente para despois ir pedir o voto mantendo algo de dignidade. Se é que queda algunha despois de ver a deputados galegos do PP votando unha cousa no Parlamento galego e outra distinta no español. A mandar sempre. A obediencia debida aos da capital non se cuestiona, que por forza teñen que saber máis que nós, pobres xentiñas que non sabemos decidir nin andar pola vida sen tutelas. O BNG promulga todo o contrario, pero iso de non ter interlocutores en castelán xera desconfianza, por máis que Ana Miranda, eurodeputada do Bloque, non precisase deixar de exercer de galega para ser unha das promotoras da resolución aprobada no Parlamento Europeo recentemente, onde se insta a prohibir todo tipo de apoloxía fascista e a ilegalizar ás fundacións -como a Francisco Franco española-, que a promoven e glorifican. Curiosamente, Ana Miranda tamén é denunciante do accidente do Alvia diante da Comisión Europea, e na comparecencia do Xefe de Seguridade Ferroviaria, tampouco puido acceder ao Parlamento español, nin sequera co convite de Gabriel Rufián, deputado de Esquerra Republicana de Catalunya.
Pero aínda así, pelexando contra tantos elementos, o BNG é capaz de romper as regras que negan o evidente e que xa sabía Castelao: a liberdade é a única reserva coa que contan os pobos para crear o seu futuro. Cada quen que saque as súas conclusións