«Algo coñecido e moi repetido», é unha das definicións de vóx pópuli mentres que VOX, o partido ultranacionalcatólico, non era coñecido por ninguén máis que algúns usuarios das redes sociais que os empregaban para facer chanzas sobre o seu escaso electorado e menos votos. Pero ao calor da España que se rompe e co gallo das elecións andaluzas, foron dados a coñecer e repetidas unha e mil veces as súas filias e fobias, coma se do que se falase fose dun partido que convén poñer en valor, que todo é pouco nestes tempos de radicais antiespañois e que piden andar xulgando cousas tan sagradas como a monarquía ou ós enviados do Señor na terra por eses asuntiños de pederastia nada piadosos. Se a pretensión dos mass media era poñer a VOX no arco político da exemplarizante democracia española, abofé que o conseguiron. Nada menos que doce escanos no Parlamento andaluz, encabezados por un xuíz inhabilitado por prevaricar no asunto dun menor, a quen lle ampliou dous días as vacacións co pai para que puidera participar nunha procesión de Semana Santa. A opinión da nai non foi algo que considerase necesario contemplar, despois de todo é unha muller e vaite a saber se tamén é unha piollosa esquerdosa con tendencias lésbicas, que é coma Francisco Serrano ve a todas as mulleres que non van a misa diaria con velo negro, e poñen as zapatillas nos pés e a copa de coñá na mesa ao seu home cando chega de traballar.

É só un dos especímens condeados da lista de Santiago Abascal, iluminado por deus e a virxen que lidera a sensación política do momento. As reacións iniciais ao seu resultado electoral pasaban da hipocresía ao cinismo, con portadas e tertulianos laiándose do que nos viña enriba coma se non fosen con eles os minutos, dias e semanas adicados a poñelos no candeleiro. Case sempre, confrontando a súa defensa da Patria única co desapego independentista e incidindo de novo, coma en tempos pretéritos, de que o único válido e posible é ser español por «cojones». Porque a meirande parte da xente, até fai pouco, tiña outras preocupacións máis urxentes que medirse os niveis de patriotismo, pero abondou que chegasen os cataláns con esa teima de querer ser outra cousa para que a xauría mediática se dispusexe a despedazalos e, de paso, lembrar á xente de ben o orgullo da españolidade, mentres eran convidados a amosalo colgando roxigualdas nos balcóns, arrincar lazos amarelos ou sinxelamente apalear votantes do referéndum aquel. Ocasións non ían faltar. Mesas de debate cheas de defensores do «orde establecido», pero rara vez con contrincantes doutro pensamento que puidesen rebatir ou expoñer o contrario. Diso, algún reduto en conexión directa, que non se diga tampouco que pese a ser apestados ímolos tratar como a apestados. A televisada cultura do «a por eles», cristalizaou este domingo e todos eses que invocaban a legalidade vixente, o constitucionalismo e os valores, apréstanse a pillar un cacho da tarta, sen importar que VOX proclame a berros que hai que tumbar en gran medida a legalidade vixente, pois leises como a Memoria Histórica, a de Violencia de Xénero, o matrimonio homosexual e incluso as Autonomías, non caben no seu ideario. Pero agora non importa porque se se rompe España, é polo lado ultradereito e iso xa lles resulta coñecido, atópanse coma na casa.
Unha mostra do resultado do bombardeo mediático atopámolo nunha arrepiante reportaxe dunha canle estatal que se desprazou a El Éjido, localidade onde foron primera forza en votos, e a maioría dos enquisados non sabía que era iso de VOX máis alá de ser españois e moito españois. Algún até atopou absolutamente «salvaxe» moitas das propostas do seu programa, pero claro…non o leran. Non coñecían máis que o que din na televisión. Que raro. E que recurrente ao mesmo tempo. Ninguén sabía nada, só que había cataláns malos e españois bos. Agora, por desgraza e tamén recurrentemente, pagarémolo todos. E todas, non vaia ser que nos quede pouco de poder dicilo.