En tempos de represión, de xuíces teledirixidos polo poder político, de policía ao servizo do fascismo imperante aínda en tantas institucións españolas, de ridículo puritanismo ao que todo ofende, a estupidez expándese a pracer. Abonda abrir un xornal, prender a televisión e xa non digamos pararse nesas tertulias de entendidos de todo e de nada, para comprobar que ser estúpido estase a converter nunha epidemia incontrolable. 

A semana comezou cunha demostración con todos os ingredientes do que Albert Einstein temía: que nin sequera o universo é tan infinito como a estupidez humana. Da man duns tales Pablo Cancio e Gonzalo Suárez, presidente e secretario provinciais de VOX en A Coruña, rebuznan nunha entrevista que na España unha, grande e libre que eles promulgan e promoven, non hai cabida para partidos coma BNG, ERC ou PNV, tan susceptibles de andar pedindo referéndums onde a xente poida expresarse democráticamente sobre de onde quere ser ou estar. Ilegalización xa. E o chiringuito ese das Comunidades Autónomas, que se prepare que ten os días contados. Aquí todos españois de pulseriña e banda do Lacoste falso roxigualda. Pablo e Gonzalo míranse no espello do seu colega Eugenio Moltó -chegado dende as filas do PP-, candidato por Málaga de VOX  nas elecións andaluzas que amosa asombro cando lle fan mención á ditadura de Franco, cousa que el di descoñecer. Ditadura corenta anos de asasinatos, encarcelamentos, fosas comúns, exilios e represión?. Chámanlle ditadura a calquera cousa!. En VOX ditadura é a do feminismo, esas señoronas agresivas e subvencionadas para facerlle a vida imposible ós homes. A algunhas pouco lles pasa, certamente.
Deglutido o primeiro acto da ilimitada estupidez, a semana transcorre coa pobre Carmen Rigalt laiándose nunha columna dun xornal estatal de que Madrid Central, coa reforma peonil do goberno de Manuela Carmena, acabe convertido nun gueto similar ao de Varsovia. No Holocausto era imposible transitar libremente porque claro, estabas preso e dalí só salías convertido en cinza. Porque xa daquela había intrigantes Carmenas despostas a facerlle a vida imposible á xente de ben como a señora Rigalt, que agora non pode ir en coche até a mesmísima porta dos restaurantes que soe frecontar e, sobre todo, pérdese esa marabillosa sensación de sentirse coma unha raíña cando un señor uniformado e enguantado baixa as escaleiras para abriche a porta e axudarte a baixar. Igualiño que chegar en bus ou metro, xa. Para ser unha máis nin cómpre saír da casa. E se por un casual sobrevives a ese gueto do centro de Madrid, ollo que quizais ao que non sobrevivas é ao que propón ese magnate chamado Elon Musk que cada vez que abre a boca fai un lumbrera a Donald Trump: unha semana laborable de oitenta horas. Máis non, porque segundo el a partires de aí xa empezarías coas dores e entón teriase que recorrer á baixa laboral e así non compensa. Brama porque a xente teña esa manía de querer ter vida, descansar ou divertirse, cando o único que realmente paga a pena é traballar para que el e outros coma el, sexan aínda máis ricos e máis repunantes. Que nos queixamos de vicio e non aprendemos que somos uns mindundis sen outra aspiración que servilo e deixarnos guiar pola súa sabiduría e explotación. A ver acaso se hai algo máis reconfortante!. Quizais sexamos tan estúpidos que non sabemos aprezalo.