Estamos afeitos xa a que por estas datas apareza o anuncio dunha cadea de supermercados coma preludio ao turrón e as almibaradas esceas familiares típicas do Nadal, e diso máis ou menos compónse o anuncio: xente feliz que descobre de pronto que o de ser galego ou galega éche algo extraordinario, que resulta que contamos cunha Cultura propia, unhas paisaxes idílicas, unha gastronomía de arrobas Michelín e ata unha língua que ás veces falan ao unísono grandes e pequenos. O que xa non se ve na vida real, vaia. 

Este ano a personaxe protagonista é un neno ao que tildan de «repunantiño» porque non só descoñece ese asunto da galeguidade, senón que ademais abomina dela. Grazas ao seu avó, abre os ollos e de repente descobre que o que temos aquí é digno de admiración, que non desmerece nada nin a ninguén e que aínda, nun alarde de osadía, pode dar para sentir orgullo de seu. O que chirría do conto é o de «repunantiño», porque en verdade o rapaz do anuncio non é ningunha ficción. É o resultado de moitos esforzos en facer que ser galego sexa algo secundario, algo meramente anecdótico porque o importante é ser español. Agochar os símbolos, a língua, as tradicións e ir mudándoas por outras como a Feria de Abril, tan de moda agora en moitas vilas galegas. Ou as tardes estivais taurinas de copa e puro en tendido de sombra, con autoridades presentes coma se fose algo tan autóctono que merecese promoción. Sentarse en locais de hostalería ou visitar comercios onde non hai unha soa palabra en galego nos seus rótulos, cartaces ou etiquetados. Nin tampouco no persoal que che atende. Ver chegar a eses pais e nais contendo a raiba -ou non- porque o seu cativo suspendeu outra vez a asignatura de Galego, esa língua do demo tan incomprensible coma se fose chinés. «Es que no sé porque tienen que dar gallego pudiendo aprender alemán». Seguro que ao repunantiño o alemán íaselle dar de fábula, matrícula en cada examen porque para algo  é un idioma de verdade e non unha cousa de vellos de aldea. Pechamos programas na radio pública que levan anos espallando o noso, iso que di o anuncio que «é moito», porque xa abonda de nacionalismos paletos. Hai que abrirse a novas experiencias, a organizar as máis tradicionais verbenas galegas sen un artista galego nos escearios, que para iso está o reguetón ou Enrique Iglesias, imposible mellor embaixador de Galicia. E imposible tamén outro mellor pagado.
En definitiva, dende o famoso anuncio preténdennos facer crer que o do rapaz anti-galego é algo excepcional, aillado, unha cousa de repunante coma cando todos piden churrasco e ti peixe. Pero non…non é o excepcional, senón a norma desgrazadamente. Somos un país cheo de complexos, inseguro, incapaz de amarse a si mesmo porque iso é o que nos fomentan, o que agardan de nós. Que fagamos do desleixo un xeito de vida e do desprezo un costume. E o peor é que o conseguen. E despois, se acaso che da por pensar ou miralo con outra perspectiva, fan un vídeo gracioso para que te rías e atopes que o teu non ten nada de raro nin de anormal. Que só es un pouco repunantiño.