Vén a vicepresidenta do goberno español, Carmen Calvo, dunha viaxe a Roma para entrevistarse coa curia papal no canto de que non permitan que a familia Franco enterre ao ditador no seo da catedral da Almudena, unha vez sexa consumada a exhumación do Val dos Caídos onde segue recebendo honras e misas con toda normalidade. Viaxou até alí porque a Almudena, coma tantos templos e monumentos do Patrimonio español costeados polos seus cidadáns, son propiedade exclusisva da Igrexa, e se algún non era, aproveitaron unha Lei argallada por Aznar nos seus días de gloria gubernamental para que os puxesen baixo a súa titularidade ao módico prezo de gratis total. Grazas a tanta deferencia, hai que mendigarlles calquera cuestión relativa ás súas posesións, e por iso Carmen Calvo, membro dun goberno socialista, republicano e exento de beatería, exerce de todo o contrario porque finalmente cando gobernan, nada cambia, e seguen bicando aneis cardenalicios e axeonllándose para que nada lles falte aos señores ministros de deus. Xa pagarán os españois, despois de todo.

Unha vez en Roma, para algunhas tertulias radiofónicas ou columnas xornalísticas de opinión, o destacable de todo este asunto era o «inapropiado» atuendo da vicepresidenta, que ao parecer amosaba falta de respecto lucindo encaixe e escote, cousas ambas que fai falla rebuscar moito para que non atopemos mulleres que as empreguen en calquera que sexa a ocasión sin que ninguén se alporice. De feito e que se saiba, ninguén no Vaticano estivo pola labor de escudriñar o atuendo da visita para ver se pasaba o filtro de pureza. Pero se hai un sitio onde ser máis papista que o Papa sexa unha relixión en si mesma, ese é España, chea de xente desposta a crucificar ao próximo simplemente porque son distintos a un ou unha. Paradóxicamente, foi na radio dos bispos onde se escoitaron as cousas máis grosas, facendo mofa non só da vestimenta da vicepresidenta, senón tamén da turxencia -ou falta dela- do seu peito, nun alarde de rigor xornalístico que faría tambalear a calquer Pulitzer. Por suposto, a tertulia estaba composta exclusivamente por homes de probado respecto ás mulleres como Salvador Sostres, despedido no seu día polo xornal El Mundo, incapaces incluso alí de comulgar con artigos onde se desculpaba un asasinato machista ou consideraba os casos de pederastia na Igrexa «anécdotas». O incrible é que aínda teña micrófonos dende o cales derramar a súa misoxinia ou, peor, oíntes que o soporten. Para o mesmo xornal El Mundo e da man de Santiago González, o destacable da xuntanza non é outra cousa que ir ensinando «canalillo» nunha visita a un membro eclesiástico disfrazado de non se sabe que, pero paradóxicamente iso non chama para nada a atención do articulista, quizais porque o único que ensina son xoias e ostentosos tecidos, como manda o bo gusto de quen non quere mesturarse co populacho sociata, que pensará probablemente o señor González.
Por séculos que pasen, por Leises de Educación que se implanten, por campañas de Igualdade que se fomenten, España aínda é un reino de machistas sen control, amparados pola impunidade ás veces incluso xudicial, pola aínda escasa condea social, desposta a perdoar porque á fin e o cabo «tampouco é para tanto». A mirar para outro lado porque non hai que facer caso do que digan esas feminazis, que odian ós homes e son todas lesbianas e feas. A rirlle as grazas a tipos como Sostres ou Carlos Herrera, que estarían encantados de que seguisemos vivindo baixo o pé dun home, sendo esposas sumisas e nais abnegadas ás que levar do ganchete a misa de doce e despois voltar a deixala na casa mentres eles fan «cousas de homes». Pero non. O único escote indecente é o da súa bocaza aberta mentres vomitan o seu machismo. Co resto, terán que aguantarse.