Toni Cantó ten en común con Paco Martínez Soria a profesión de actor, aínda que el os papeis máis grotescos adoita representalos na súa vertente de deputado de Ciudadanos no Parlamento español e non na gran pantalla, coma facía o entrañable avó mañico. A máis recente, e no canto de defender unha proposta de lei onde non sexa requisito coñecer a língua propia do lugar para acceder a un posto de traballo público, co argumento de que o castelán está «desaparecido» en Galicia, entre outras Comunidades con idioma cooficial. Despois das gargalladas, alguén tería que dicirlle ao señor Cantó que o estrado parlamentar non é o sitio máis idóneo para facer comedia casposa. Que estamos en 2018 e que Paco Martínez Soria só haberá un, que deixe de tentalo máis.

As teimas co idioma son recurrentes cada pouco polos mediocres demagogos que atopan nelas unha fórmula rápida para quentar cabeciñas que procuren votos. En Galicia sen ir máis lonxe ten dado ben deles, así que porque non seguir abrindo o melón aínda que haxa que dicir barbaridades e mentiras tan doadas de desmontar coma iso de que o galego solapa ó castelán. De ser certo, xa onde vai que Gloria Lago se tería encadeado en María Pita ou diante do Pazo de Raxoi, en plan Baronesa Thyssen e cun cartaz que rezase: nadie te me puede obligar a que hable un dialecto en vez de la maravillosa y civilizada lengua española. E acompañada dun «selfie» con Paco Vázquez, que tería pasado por alí para solidarizarse coa causa. Parece incrible que haxa quen gaste tempo, esforzos e recursos en impedir que alguén que quere traballar en sitios con dous idiomas en vez de un, poda facelo sen ter un mínimo de coñecemento dun deles. Non dan explicado que vantaxe pode supoñer iso, porque nativos que levan toda unha vida expresándose na súa língua materna de repente para ir curarse un catarro, solicitar un documento administrativo ou falar co persoal docente dun colexio ten que deixar de facelo, e non porque se mudase á Meseta, senón porque aínda sen moverse da súa vila ou cidade, de repente é un paria incomprendido que fala en língua de bárbaros e que non merece ser nin atendido ata que se poña á altura da xente como deus manda. Hai que poñerse na pel deses pobres traballadores foráneos aos que dicirlle «veño a pagar esta factura» ou «dóeme ao toser», requírelles un ímprobo esforzo dar entendido. O galego xa sabemos que é unha língua menor, para cousiñas pequenas. Vale que lle deamos o seu espazo no Ensino, pero nada de darllo en asignaturas coma Matemáticas, que é coñecido por todos que Pitágoras naceu á beira do Pisuerga e só poden comprenderse en castelán de Castela. Os nenos e nenas das cidades, xunto coa mocidade, só empregan o galego residualmente, pero di Toni Cantó que hai incluso políticos incapaces de explicarse en castelán por culpa de desenvolverse habitualmente na súa outra língua. Non sei que pensará de Rajoy, que na vida falou outra cousa que castelán e aínda así ten non poucos problemas para facerse entender nel.
É todo tan absurdo que só movería a burla se no fondo non fose tan dramático. O desprezo e o desleixo que rezuman e queren contaxiarnos cala en moita xente, que se revolve contra os seus propios devanceiros que sobreviviron aquí e fóra de aquí falando en galego, emigrantes polo mundo adiante e que nunca renegaron de seu. Agora, os seus netos, netas, bisnetas e bisnetos poden vivir en lugares de Galicia onde nunca escoitarán unha palabra en galego. E se por casualidade a escoitasen, sentiríanse tan alleos como outrora os seus avós en Suiza, Uruguai ou Alemania. Pero coa diferenza de que eles, os novos….sentiríanse estranxeiros no seu propio país. Os vellos, coma tantos de nós…xamais o entenderemos.