Por Xosé Edrosa Leal

Con estas mobilizacións estase a visualizar un sector renovado en termos xeneracionais, con xente nova, que malia á incertidume que pesa sobre o futuro das súas explotacións, amosan ilusión e orgullo da súa profesión, moitas delas cunha formación moi superior á dos seus proxenitores, feitos todos eles que supoñen un motivo de esperanza. Emocionantes foron as palabras e a actitude dunha moza gandeira de Palas de Rei (Lugo), con formación universitaria, nun plató dunha televisión privada galega. Querida Ana, non só ti sentiches esa sincera emoción  que se reflicte cando se fala co corazón, senón tamén a transmitiches aos que te escoitamos, alomenos este foi o meu caso. Agardo que este sentimento tamén se impregne nas rudas conciencias  dos nosos gobernantes.

As reivindicacións feitas estes días polos nosos gandeiros, están a pór sobre da mesa, cecais sen pretendelo, unha cuestión de gran transcendencia política na forma de entender a economía e o mercado, mercado ao que o modelo político neoliberal lle outorgou toda a primacía para establecer as relación económico-sociais imperantes a nivel global, con evidente perda de soberanía das persoas que deberían ser, en todo caso, as destinatarias de todo sistema político. O debate entre os gandeiros e as distintas Administracións públicas pón claramente de manifesto esta realidade.

A crise do sector lácteo galego está a ser quen de mobilizar á inmensa maioría dos gandeiros e gandeiras que se adican a esta noble e necesaria tarefa

O escenario no que se moven as Administracións á hora de resolver  cuestións coma as dos nosos gandeiros, é a de meros comparsas do imperio dos grandes intereses que eles mesmos coas súas políticas lexislativas foron blindando,consolidando o seu réxime de inmunidade, conculcando de tal xeito aquel vello principio polo que “ Detae leges, nefortior omnia posset”, o que no noso idioma ven a dicir: as leis fixéronse para que o poderoso non o poda todo. Esta situación real na que nos movemos, e que, curiosamente, axudamos a construir co noso  voto. Velaí  as contradicións entre o sistema que eleximos democratimente e a defensa dos nosos intereses. Seguramente sería convinte reflexionar sobre este asunto, pois pensemos que o poder económico real está cada vez concentrado en menos mans, polo tanto moi minoritarias en termos de representación democrática, namentres as diferenzas sociais son cada vez máis numerosas e alamantes. Ante esta situación, o exercicio dunha democracia responsabel é a oportunidade, pois non debemos esquecer, aínda que resulte una obviedade,  que as leis fanas os políticos que nos mesmos eleximos.

Quero rematar este artigo, compartindo con vostedes, queridos lectores,  unhas reflexións sobre os valores éticos nos que sempre debe inspirarse a política e a economía, para elo acudo ao eminente teólogo suizo Hans Küng, cando di: “ Para min  é importante o primado da política  sobre a economía, a política debe fixar e impoñer as leis, e a economía debe aterse a elas. Pero aínda máis importante é para min facer valer o primado da ética sobre a economía e a política. Por moi fundamentais que sexan a economía e a política, non se trata máis que de dimensións do omnímodo mundo da vida do ser humano”.

Recoméndolles aos nosos políticos que lean a Hans Küng.