O rico refraneiro español serve para ilustrar o que deben pensar todos e todas cantos veñen de sumarse á campaña de paranoia común en contra da cor amarela, que en Catalunya foi elixida como a cor simbólica ca que pedir a liberdade dos presos políticos e a volta dos exiliados, despois dos acontecementos alí acaecidos o pasado setembro e outubro no canto do referéndum de independencia levado a cabo polo entón Govern catalán. O lazo amarelo pasou a ser unha parte máis do vestiario de todo independentista que se precie e, pouco a pouco, tamén ocupando outros espazos como praias, edificios ou todo canto supuxese ser visto e chamar a atención sobre a reivindicación que supoñía. Por suposto, non faltaron detractores. Algúns tan sádicos que non dubidaron en circular a toda velocidade por prazas onde poder arrasar canto amarelo alí figurase, sen importar poñer en perigo á xente que había arredor. Outras, adicadas a arrincar cruces violentamente en praias e a berros, reclamando que os espazos públicos non estaban para eses menesteres, que nin que fosen un anuncio de El Corte Inglés ou a última moda de Zara, que iso si que xa é algo que da gusto mirar, agradable, que non hai que explicarlles aos nenos e nenas o significado que teñen e por que están alí.

Coma iso de que fose a xente anónima a que tomase a iniciativa parece que deixaba a algúns políticos en evidencia, os líderes de Ciudadanos Albert Rivera e Inés Arrimadas, convocaron a medios de comunicación para que os seguisen no seu periplo de ir arrincando lazos nunha vila de Barcelona, tan discretos e circunspectos coma permiten unha ducia de cámaras e outros tantos flashes a cada perigoso laciño amarelo desanudado, coma se mesmo o que estivesen a desactivar fose unha bomba de neutróns e non un inofensivo cacho de tela. Unha vez apagadas as cámaras e os focos, os lazos foron devoltos a onde estaban polos viciños, e os salvadores de Ciudadanos a comandar unha manifestación onde acabou sendo agredido un técnico de Televisión Española, infaustamente confundido con un traballador de TV3 porque a cinta que suxetaba a súa cámara era casualmente amarela. Un español portando algo amarelo….quen ía pensar tal cousa?. Algúns van tan confundidos pola vida que é lóxico que acaben «cobrando». Así aprenden. Exactamente igual que os estupefactos obreiros da contrución que non saían do seu asombro mentres, na hora do bocata, vían a un fulando arrincando as protecións do andamio que alí tiñan montado para o desempeño das súas labouras. Se as protecións do andamio son amarelas é imposible que sexa gratuito. Imposible que aqueles homes fosen simples operarios e non encubertos e infiltrados separatistas lanzando a súa sibilina mensaxe dende o seu posto de traballo. Nin que foramos parvos e non nos decataramos. Pero probablemente o colofón ao absurdo sexa o que lle tocou pasar á marca de augas Font – Vella, que vén de sacar unha ducia de tapóns de cores para personalizar as súas botellas e cada un elixa o que máis goste. Resulta que entre esas doce cores está o amarelo, acabaramos. A ofensa a España xa estaba servida e as críticas á empresa de augas, tamén, que incriblemente tivo que saír ao paso e dar explicacións desas que se dan aos cativos na guardería: só é unha cor sen maior significado, se non che gusta elixe outra porque para iso fixemos doce distintas, só son tapóns de botella.
Non deixa de abraiar que alguén se sinta tan doente por unha das cores primarias que abunda en tantas cousas do noso día a día. Viviriamos de noite se algún chalado ou tola poidese apagar o sol, e témome que poida ser unha das promesas do programa de Ciudadanos para as vindeiras elecións. Saben que hai centos desexando crer que son capaces de cumprilo…que por algo tamén cren que acabarán co paro, cos salarios ínfimos, cos recutes ou cos privilexios aos ricos. E sen poñerse sequera colorados unha soa vez.