Cantaban fai unha chea de anos Los Ilegales que tiñan un grave problema sexual, pois resulta que lles gustaba ver a televisión entre outras perversións. Hoxe, temos máis dun deses problemas, pero acabamos de saber que se engade outro, que vén da man do goberno central autorizando un sindicato de Traballadoras Sexuais radicado en Barcelona, coa súa pertinente aparición no BOE e rubricado pola Directora Xeral de Traballo, Concepción Pascual. Con nocturnidade e alevosía, pois non se xerou debate ao ser xa feitos consumados, sen lugar para a protesta e a reivindicación de non legalizar algo como a prostitución, que só beneficia a proxenetas que se nutren de mulleres en moitos casos estranxeiras, vulnerables e indefensas, as máis das veces acurraladas por débedas contraídas baixo engano ou ameazas. Legalizar o abuso sistemático da muller e enriquecer proxenetas con todas as da Lei. E menos mal que a Vicepresidenta socialista Carmen Calvo non perde ocasión de amosar a súa adhesión á causa feminista, por máis que neste caso aínda non a escoitaramos pronunciarse. O mesmo silenzo que transmiten os ministerios de Traballo e Igualdade, paradóxicamente nun caso tan excepcional que coma pouco merecería unha comparecencia pública dando conta dos detalles e motivacións que o fixeron levar a cabo, mesmamente en contra de múltiples resolucións do Tribunal Supremo, que non recoñece en ningún caso o traballo sexual.

Sen balbordo mediático por descoñecemento, só a asociación de dereitos humáns L´Escola A. C. vén de erguer a voz e tomar medidas que impidan tramitar legalmente ao sindicato OTRAS, siglas da Organización de Traballadoras Sexuais, recurrindo a un recurso de revisión para tentar impedir a súa inscrición. Tamén, ademais da vía administrativa, anuncian unha demanda na Sala do Social da Audiencia Nacional. Entenden que aceptar a legalidade de tal sindicato só branquearía algo delictivo coma o proxenetismo. Pregúntase esa asociación quen formaría a patronal dese exercicio laboral, pois todo induce a pensar que os mesmos proxenetas que explotan ás mulleres ilegalmente poderían agora facelo sen cortapisas nin restricións legais. Elas, mentres tanto, seguirían a ser explotadas pero co seu «chulo» armado cun flamante cargo sindical, que queda máis elegante que un látigo ou un bate de béisbol co que ameazar cando algunha quere fuxir do redil. Pero que ninguén dubide que a idea última é mellorar as condicións de vida das mulleres que por unha ou outra causa viven adicándose á prostitución, sorteando perigos a nivel de saúde, físicos e mentais. Sobrevivindo á adicións adquiridas para sobrelevar o seu tipo de «traballo», a clientes que se cren que vinte euros proporcionan dereito absoluto sobre elas, a locais que as rifan coma vacas nunha feira, a malleiras do seu «dono» cando non ganan abondo para satisfacer os seus caprichos ou, no peor dos casos, a unha condea a morte anunciada. Ou a unha deportación, a vivir coa angustia da ameaza constante de facer dano aos seus fillos ou familiares. A vivir no submundo do que non te deixan emerxer, indo dun curruncho ou dun local a outro, sen ver a luz do sol independentemente das estacións climatolóxicas. Sempre é inverno nos seus corpos. Noite e escuridade.
Susana Díaz, presidenta andaluza e tamén socialista, foi a única que públicamente acaba de amosar a súa indignación e urxe ao goberno do seu partido a que cambien de criterio e non sexan cómplices da prostitución e todo o que conleva, como a explotación e a trata de mulleres. Resulta incrible que, avanzando tanto noutros campos, o relativo ás mulleres sempre vai no furgón de cola: a conciliación laboral, o aborto, a violencia de xénero, a falla de igualdade salarial, o machismo impune e incesante, a desigualdade laboral, o papel de coidadoras no ámbito familiar…só exemplos cotidiáns que todos e todas temos doado comprobar. No trasfondo de moitos deles, quizais, que quen toma as decisións para melloralos ou cambialos…sexan homes. E para que, claro.