Co gallo da Festa do Monte en A Guarda, turistas e autóctonos, ascenden os máis de trescentos metros até o Castro de Santa Tegra para desfrutar das vistas e da romaría, e tamén coma é costume neste país onde todo se celebra comendo, cun xantar a ceo aberto. Nada novo nin que mereza comentario, agás polas imaxes que vimos de ver onde a xente non se xunta baixo as árbores ou en sitios específicos para acomodar as neveiras e as sillas de raias, senón dentro do mesmo castro, invadido o xacemento e convertido en improvisado reservado de familias onde estender as toallas de praia e os pratos de plástico dos bazares chineses antes do festín. Que houbese un precinto tratando de disuadir de asaltalos non serveu de nada, pois unha cinta onde poña «prohíbese o paso» non é máis que un convite a arrincala e xusto aposentarse onde miles de anos atrás o fixeran os nosos ancestros castrexos. Pero iso é cousa de vellos, xa choveu e un sitio tan bonito non pode estar preservado, hai que desfrutar del e aproveitalo para estar á fresca entre as antigas pedras mentres saboreas a empanada da túa sogra e o melón con xamón. Que vai moita calor naquelas alturas. O de que sexa Ben de Interese Cultural ou Monumento Artístico Nacional é marabilloso porque son cousas que podes engadir aos comentarios das redes sociais cando subas as fotos. Que non se diga que fai falla saír de Galicia para viaxar no tempo e retratarse en lugares máxicos cargados de simbólica historia.

As fotos vistas estes días deses aconteceres eran tan arrepiantes que provocaban, ademais do lóxico estupor, inmensa tristura. Un entorno coidado con esmero, restaurado ao milímetro, que figura na lista dos dez «lugares únicos» que recomenda Turismo e convertido nun aquelarre de bárbaros. Porque hai que ser moi besta para non percatarse de que estar no monte non significa necesariamente botarse ao monte, máxime se hai indicadores que o desaconsellan explícitamente. Que esa é outra, nun país civilizado, culto e respectuoso coa súa Historia e memoria, nunca serían precisos cartaces nin bandas plásticas policiais prohibindo o acceso ou andar remexendo onde non se debe. Serían cousas que caen polo seu propio peso. Pero aquí non, o primeiro é a festa e a carallada. Que pregunten en San Cristovo de Cea (Ourense), onde un dólmen de seis mil anos de antigüídade tivo a desgraza de ver pasar por alí non a Atila e os hunos, senón a uns operarios que decidiron converter aquelas pedras inúteis nun vistoso e moderno merendeiro. Hai que ser prácticos. O mesmiño que os festeiros de Santa Tegra, que aducen á tradición para seguir campando entre castrexos e romanos coma se todo fose campo. En nome da tradición seguen torturándose animais e matándoos. Seguen flaxelándose fieis en Semana Santa diante de nenos e nenas, coas costas ensanguentadas baixo imaxes relixiosas con rostros de auténtico terror; e tamén en nome da tradición seguimos mantendo caciques, fomentando  nepotismos ou votando corruptos. E mantendo a franquistas e asasinos no calexeiro das vilas e cidades. Pero as tradicións, coma case todo na vida, tamén deben ter data de caducidade, sobre todo cando só serven para embrutecer e degradar, para fomentar incultura e retrotraer a tempos que xa nada teñen que ver co xeito de vida actual.
Lóxica a indignación de responsables de Patrimonio, de arqueólogos, historiadores e de todos aqueles que loitan e perseguen manter espazos que nos devolven aos nosos devanceiros, cargados do noso ADN e que nos permiten deixar voar a imaxinación cando pensas nos seus lexítimos habitantes tantos miles de anos atrás, convivindo coa Natureza e sobrevivindo sen bolsas do Carrefour nin botellas de plástico sobre os muros que rodeaban as súas pallozas. Tíñano doado….daquela, aínda non medraban os excursionistas coa mesma rapidez e intensidade que a herba mala.